Skip to content

Carlos Amoedo

No pasamento de Juan-Ramón Capella (1939-2024)

O mércores 24 de xaneiro á tarde falecía Juan-Ramón Capella Hernández no seu piso da rúa Muntaner, en Barcelona.

Os seus amigos e amigas da Facultade de Dereito de A Coruña imaxinámolo dando aos 84 anos, nesa tarde amarga, o seu último golpe de pelota. Porque el era para nós, entre moitas outras cousas, o “pelotari incansable”: así o citábamos, lembrando un dos seus moitos artigos de mientras tanto (n.º 59, outono de 1994), no que con particular acerto expresara a importancia da lucidez crítica e a perserverancia ética na continuación contemporánea da tradición comunista.

Durante a súa dilatada vida, Juan Ramón foi, en efecto, un faro de lucidez para os xuristas críticos e as esquerdas contemporáneas deste país. Un mestre único. A súa obra constitúe un esforzo brillante por reconstruír a pulsión ética comunista sobre unhas bases non dogmáticas, nas que de novo, restituíndo o mellor da tradición marxista, a capacidade de análise racional das sociedades e a praxe transformadora aprol dos de abaixo, camiñen de mans dadas.

Tal e como el mesmo narrou nas súas memorias parciais Sin Ítaca (así tituladas en cita do poema “Peregrino” dun dos seus poetas predilectos, Luis Cernuda) Capella naceu en Barcelona un 15 de decembro de 1939, primeiro Año de la Victoria no seo dunha familia da burguesía catalana. A súa aia, Concha Carballo, era de Betanzos: coidado aí. Pronto se converteu nun excelente estudante, que grazas a experiencias como a folga de tranvías de Barcelona do ano 1951, foi afiando pouco a pouco o seu sentido de observador crítico da asfixiante sociedade barcelonesa da posguerra, até cambiar ao bando dos “vencidos”.

Tras cursar a carreira de Dereito na Universidade de Barcelona, doutorouse en 1965 en cunha tese, dirixida por Enrique Pérez Luño, sobre El Derecho como lenguaje, que mostraba xa a súa inclinación por unha aproximación analítica ao fenómeno xurídico, como síntese da súa visión do Dereito como unha particular cultura, e da cultura como substrato do Dereito.

Tradutor lúcido, profesor da Escola de Xornalismo (onde trabou amizade con Manolo Vázquez Montalbán), nos anos sesenta integrouse no círculo de discípulos do máis importante filósofo marxista español, Manuel Sacristán. Iniciou tamén nesa altura a súa militancia no PSUC, tras a represión desatada na universidade barcelonesa no ano 1965. El mesmo acabaría sendo perseguido polo Réxime tras a famosa Caputxinada de 1966.

Por volta da Transición, e tras a súa etapa de “penene” (denominación acuñada por Enric Lluch no ano 1965 nunha reunión universitaria barcelonesa), acabou gañando cátedra de Filosofía do Dereito na Universidade de Barcelona. A partir daí, a súa intensa vocación universitaria permitiulle labrar unha obra dilatada e marcante, con obras como Materiales para la crítica de la filosofía del Estado, Los ciudadanos siervos, Fruta prohibida, El aprendizaje del aprendizaje, Elementos de análisis jurídico, Entrada en la barbarie o Un fin del mundo. Constitución y democracia en el cambio de época.

Pero sen dúbida, non se podería entender o seu prestixio intelectual sen os seus contributos regulares na revista mientras tanto, herdanza viva do maxisterio de Manuel Sacristán: un esforzo de pedagoxía crítica ininterrompidamente sustentado durante 40 anos. O seu último artigo na revista que fundou e alentou desde 1979 foi unha análise crítica da lei electoral catalana, publicada hai apenas dúas semanas. Apenas tres meses ten a necrolóxica que elaborou para o seu bo amigo Alejandro Nieto, figura senlleira do Dereito Administrativo.

A orixinal posición de Capella no panorama iusfilosófico español pode valorarse lendo esta entrevista feita por Manuel Atienza no ano 2016, na que Atienza sinala tres grandes rasgos característicos do pensamento de Capella: a súa ubicacion crítica na tradición marxista (onde a crítica consiste fundamentalmente en subliñar os límites da sobreexplotación da natureza e na importancia dos aspectos superestruturais das sociedades capitalistas contemporáneas), a crítica radical do sistema representativo, e a conciencia de estarmos perante unha época de intensa crise civilizatoria que nos levará ou ben á barbarie, ou ben a trascender o capitalismo nun sentido emancipatorio.

Capella asumiu a urxencia de repensar a súa propia tradición ideolóxica, de modo que esta fose canle, e non barreira, para afrontar os problemas civilizatorios do presente, en moitos aspectos inéditos durante o século XX. Daí a súa atención á crise ecolóxica ou á bionomía, a regulación xurídica da base biolóxica da especie humana (as técnicas de reprodución asistida, a clonación, o dereito á eutanasia…). Novos obxectos da filosofía do dereito que merecen pensarse coa sensibilidade da tradición emancipatoria. Esa sensibilidade que en Capella se caracteriza por un profundo pulo pedagóxico, consustancial á súa forma de mirar e manexar a realidade circundante.

lén da súa actividade filosófica, Capella posuía unha intensa sensibilidade cultural, artística, literaria e musical. Esta sensibilidade levouno a traducir desde moi novo importantes obras de referencia (Arnold Hauser, Lucien Goldmann, Pier Paolo Pasolini). As súas listas de obras “que hai que ler e escoitar” de El aprendizaje del aprendizaje constitúen un canon de referencia para calquera persoa culta da nosa época. Na actualidade, a editorial Trotta prepara a publicación do que será a súa obra póstuma, que versará precisamente sobre a temática artística.

Juan Ramón Capella é un referente da Facultade de Dereito coruñesa grazas ao traballo de unha das súas discípulas, a doutora Ascensión Cambrón, profesora de Filosofía do Dereito. Ademais de formar aos doutores Carlos Lema Añón e Celia Pereira Porto, Juan Ramón e Ascensión tiveron un papel moi importante na formación intelectual e política de quen isto escrebe. O rigor no pensamento, o compromiso militante e a súa sensibilidade ético-política son exemplos que seguirán inspirándonos pequenas esperanzas no día a día. Gardo no corazón os seus consellos; eses consellos que só os bos mestres dan, e que merecen gratitude para toda a vida.

Descansa en paz, lobo feroz, pelotari incansable.

[Fuente: Praza.gal]

26 /

1 /

2024

La política electoral, si bien no debe desestimarse, no puede ubicarse en el centro de ninguna acción política radical seria, orientada a cambiar las instituciones que sustentan el sistema político, desmantelar las ideologías hegemónicas y fomentar el tipo de conciencia de masas en que habría de basarse un cambio social y político desesperadamente necesario.

Noam Chomsky
The Precipice (2021)

+