Xesús Alonso Montero

Einstein e Gramsci en Cans

Hai moi poucos días subsanei unha das grandes lagoas na miña formación: estiven -xa era hora!- na parroquia porriñesa de Cans, escenario do singular festival de cinema (et non solum), que é, desde o ano 2003, un acontecer con dereito a figurar na máis severa antoloxía dos aconteceres culturais de Galicia. Alfonso Pato e os seus colaboradores son unha festa de saber, de incitacións e de imaxinación, ademais de seren exemplo de organización eficaz, que moitos non sospeitan na xente da farándula. Que facía eu o 25 de maio, ás 13 horas, en Cans (homófono de Cannes)? Fora chamado como profesor e como explicador no acto en que se descubriu unha placa de homenaxe a Francisco Fernández Buey (Palencia, 1943-Barcelona, 2012). Sabido é que se trata dun dos intelectuais máis sólidos e cultos da esquerda europea das catro últimas décadas, sempre no ronsel crítico do seu profesor en Barcelona Manuel Sacristán (1925-1985). Quen naceu en Cans foi seu pai, que casou cunha palentina, pero en Cans, Paco, de neno, nas vacacións, xogou cos seus curmáns e veciños, e tamén aprendeu cántigas, aturuxou e memorizou ditos e refráns. Por iso, cando no curso 1959-1960, eu explicaba en sexto curso o tema de Rosalía de Castro, no Instituto Jorge Manrique, de Palencia, a Paco non lle eran alleas a fonía e a música dos versos da Cantora. Da estirpe dos intelectuais rigorosos, xa daquela emitía os signos cos que deslumbraría, pouco despois, nas aulas universitarias de Barcelona na etapa de estudante e de profesor interino. Como eran signos cuestionadores, o Réxime, máis contrariado ca deslumbrado, foi moi duro con el: expediente académico, sancións como profesor, castigado no Sahara como soldado… Pero Paco -o intelectual gramsciano Francisco Fernández Buey- nin rompeu nin domeou o espiñazo. De todo isto falei en Cans o 25 de maio ante os veciños e moitos parentes, e tamén falei de que, como marxista, estaba na liña de Antonio Gramsci (1891-1937), do que era un dos grandes estudosos ademais de tradutor e antólogo. Non esquecín o título dun libro para algúns sorprendente: Albert Einstein. Ciencia y conciencia (Barcelona, El Viejo Topo, 2005). Comentouno con ledicia, no xantar, unha curmá súa especialista en Física. Como no xantar había poetas, recomendeilles a lectura dun ensaio de Paco, de 1994, que titulou Si Marx hubiera leído a Hölderlin (y a Leopardi).

[Fuente: La Voz de Galicia]

2/6/2017

Sitio elaborado con Drupal, un sistema de gestión de contenido de código abierto