Somos Ninguén

www.somosninguen.org

Señalamos aquí la página web de Somos Ninguén, un colectivo gallego en cuya página web el lector podrá encontrar reflexiones y materiales muy estimulantes para ir construyendo entre todos una práctica política de izquierdas robusta e inteligente. Reproducimos a continuación la presentación del colectivo.

* * *

Richard Sennett dicía que a autocompracencia —a actitude guiada polo principio de que todas as cousas son as mellores posibles no mellor dos mundos posibles— unida ao individualismo está a minguar a capacidade das persoas para algo que as persoas levaban facendo desde tempos inmemoriais: cooperar. Cando nada do existente merece ser desafiado e cando cada un debe ocuparse en exclusiva dos seus propios asuntos, a idea de cooperar para acadar un fin superior ao que conseguiría cada parte por separado naufraga.

As persoas que conformamos Somos Ninguén rexeitamos a autocompracencia, non cremos vivir no mellor dos mundos posibles. Avogamos tamén por combater o andazo do individualismo separador que só interesa aos ocupantes dos Palacios. Así, a nosa avinza quere traballar mancomunadamente na Crítica do existente, tanto no vencellado coa situación política xeral como coa situación particular das esquerdas. E quere facelo aplicando xa, na práctica, o que o comunitarismo implícito a toda esquerda aconsella: situar o nós sobre o eu.

O mesmo que o fedello do Ulises de Homero, Somos Ninguén porque gozamos xogando a despistar un chisco aos Cíclopes. Como @s zapatistas que protagonizaron o primeiro grande alzamento antineoliberal iluminándonos o camiño, Somos Ninguén porque pensamos que a vantaxe do pasamontañas é que detrás del pode estar calquera. Somos Ninguén, tamén, porque os nosos e as nosas son aquelas que nos libros de historia non adoitan aparecer individualizados co nome propio e si como turba anónima ou espectro ameazante.

O boletín Somos Ninguén terá unha periodicidade mensual e dedicarase á reflexión política. Primaremos a elaboración, por parte do consello de redacción, dun editorial mensual de análise da conxuntura. Unido a isto, o colectivo actuará como prescriptor de artigos e outros materiais tanto propios como alleos.

Somos Ninguén é un proxecto en construción. No ano V da última crise sistémica do capitalismo globalizado queremos chantar estes alicerces sen saber moi ben —e sen preocuparnos demasiado— como serán as paredes, as fiestras nin o teito.

Polo momento, esta é a nosa humilde casa. A entrar nela é que vos convidamos.

28/11/2013

Sitio elaborado con Drupal, un sistema de gestión de contenido de código abierto